Sunday 19 de May de 2024

Medio Ambiente destinará máis de 320.000 euros á construción dun punto limpo en Frades


A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, xunto co alcalde, Roberto Rey, visitou esta mañá os terreos nos que se construirá a nova infraestrutura ambiental

O A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou terreos da parroquia de Céltigos no municipio de Frades, nos que se localizará o novo punto limpo do concello, que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas financiará ao 100% cunha achega de máis de 320.000 euros.

A actuación, que ven de ser licitada, enmárcase no desenvolvemento do Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2020 e prestará servizo aos veciños e veciñas de Frades e tamén aos do concello limítrofe de Mesía. Desde o momento da adxudicación dos traballos, o prazo de execución dos mesmos será de catro meses, polo que as novas instalacións poderán entrar en funcionamento antes do verán.

Acompañada polos alcaldes de Frades, Roberto Rey, e de Mesía, Mariano Iglesias, Do Campo explicou que a actuación consistirá na disposición de dúas plataformas a distinto nivel, unha elevada a 1,45 metros por riba da outra, quedando separadas a zona de carga da zona de descarga. Este desnivel facilitará a vertedura nos contedores.

O futuro punto limpo permitirá realizar a xestión de residuos sólidos urbanos ou domésticos que requiran dunha xestión específica polo seu tamaño, natureza ou perigosidade. Así, haberá distintos contedores para depositar disolventes, aceites minerais, aceites vexetais, pilas, fluorescentes, baterías, residuos perigosos, entullos, vidro, aerosois, radiografías, así como para restos de poda, roupa, cartón e papel, envases e residuos de aparatos eléctricos e electrónicos.

A máxima representante do Goberno galego na provincia recordou que entre os obxectivos fundamentais desta infraestrutura están os de separar os residuos xerados nos fogares que representen un risco para o ambiente ou a saúde, evitar a vertedura incontrolada de entullos e residuos voluminosos como mobles ou electrodomésticos e facilitar a recuperación dos recursos contidos nos residuos para a súa reciclaxe.